Sunday 19 de May de 2024

A Pobra impulsa unha xornada de seguridade e emerxencias de ámbito comarcal


A comezos do mes de xuño realizarase a I Xornada de Confraternidade da Seguridade e Emerxencias da comarca do Barbanza que promove a Concellaría da Seguridade da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Mancomunidade Barbanza Arousa. Destinada aos diferentes corpos de toda a contorna, esta cita busca afianzar lazos e unificar criterios que redunden nunha mellora dos distintos dispositivos, segundo explican o alcalde, Xosé Lois Piñeiro; o concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo; e a xerente do ente supramunicipal, Fátima Cachafeiro.

O evento vertébrase en tres piares: exposición, charlas e simulacro. Unha exhibición de medios para a comunidade educativa marcará o inicio desta xornada no día 1 coa asistencia de máis de medio milleiro de escolares. A despregadura de recursos concentrarase na praza Alcalde Segundo Durán, dende as 09.00 ata as 14.00 horas.

E, pola tarde, é a quenda dos simposios, a partir das 16.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán. Membros do distrito forestal IV impartirán Radiografía dun lume forestal. Deseguido, o subdirector xeral de Planificación e Protección Civil da Xunta, José Antonio Grandas Arias, falará sobre Mobilización de medios dispoñibles para afrontar unha emerxencia. Tamén haberá unha mesa redonda composta por un membro de cada equipo actuante ante unha emerxencia. Presentarase, ademais, o Plan de autoprotección do río das Pedras, elaborado pola Administración local pobrense. Os ditos coloquios estarán abertos ao público en xeral.

Precisamente o referido espazo natural será escenario no día 2 dun simulacro de lume forestal, evacuación e rescate, en horario de mañá, que lle porá fin a esta primeira edición.